O CITIC promove un convenio de colaboración entre a UDC e ASPACE Coruña

Colaboramos nas actividades que se definen no convenio de colaboración entre a UDC e ASPACE para a aplicación das TIC na promoción da autonomía persoal das persoas con parálise cerebral.

O CITIC promove un convenio de colaboración entre a UDC e ASPACE Coruña

  • O obxectivo do convenio é potenciar os resultados de investigación e transferencia para mellorar a calidade de vida e a participación das persoas con discapacidade a través de recursos tecnolóxicos.

O acordo foi asinado esta mañá polo reitor da UDC, Julio Abalde, e a directora xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz Vargas. A Coruña, 29 de xuño de 2020.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC promove un convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña e ASPACE Coruña, asociación pioneira en Galicia en atención integral a persoas con parálise cerebral, para potenciar os resultados de investigación e transferencia entre o CITIC e ASPACE Coruña e mellorar desta forma a calidade de vida e a participación das persoas con discapacidade a través de recursos tecnolóxicos. O acordo foi asinado esta mañá polo reitor da UDC, Julio Abalde, e a directora xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz Vargas. Tamén estiveron presentes no acto, por parte do CITIC, o director, Manuel F. González Penedo, e o subdirector, Javier Pereira Loureiro, e por parte de ASPACE Coruña, a subdirectora, Mª Carmen Barreiro Santos, e a responsable de comunicación, Patricia Pérez Villar. Esta alianza, que ten o fin de promover relacións de beneficio mutuo en materia de colaboración académica, consolida a cooperación existente entre o CITIC e ASPACE Coruña, iniciada en novembro de 2019 a través dun grupo de traballo dedicado á creación de contidos informáticos dirixidos a potenciar os programas de rehabilitación física e cognitiva de persoas con parálise cerebral. Así, as entidades pretenden mellorar as actividades ás que ambas se dedican por separado e optimizar os recursos, establecendo unha colaboración nos ámbitos da sociedade e a tecnoloxía que satisfagan as necesidades e expectativas do colectivo atendendo á diversidade. O CITIC ten como principais obxectivos potenciar o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións por todos os colectivos da sociedade atendendo á súa diversidade, promover e favorecer o traballo conxunto entre organismos de persoas con discapacidade, institucións comunitarias e universidades, así como fomentar o desenvolvemento e uso das TIC orientadas a colectivos de persoas discapacidade e familias, satisfacendo as súas necesidades e expectativas. 

Sobre o CITIC:

O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.